Datos persoais

Mi foto
Animamos a dar o paso para converter a lingua galega na nosa fala diaria e en todos os ámbitos da nosa vida.

23/12/22

FELICITACIÓN DE NADAL E.PRIMARIA

Co tema "A reciclaxe no Nadal" felicitamos as festas á Comunidade Educativa. 

Deixamos aquí unha mostra do traballo do alumnado.


Con esta música da Gramola Gominola reflexionamos sobre o que consideramos realmente importante destas datas.




Personaxes de Nadal no colexio.
Moitas grazas pola visita!

FELICITACIÓN NADAL E. INFANTIL

O equipo de E.Infantil deséxavos felices festas a todas e todos.


CONCERTO DIDÁCTICO-MUSICAL

Despedimos o ano cun concerto didáctico-musical a cargo de Pablo Díaz en dúo dirixido aos máis cativos do cole, todo o alumnado de E. Infantil e 1º de Primaria.
Música en galego desde diferentes estilos: tradicional, rock, pop...e para aprender e gozar con temáticas variadas: o galego, a biblioteca, os números, os animais, os piratas...
Un concerto moi divertido no que participamos e medramos xuntos con ledicia.

Contos de Nadal

As nenas e nenos de 4º B agasallaron aos de 1º B con contos de Nadal de creación propia. Unha experiencia moi estimuladora, tanto para contadoras e contadores coma para oíntes.

14/11/22

De medo II

Variadas e interesantes lecturas, escritos de medo, recollida de historias de tradición oral, personaxes femininas de terror,  seres aterradores, música, creacións plásticas...para descubrir e gozar co medo nesta parte escura do ano.

As nenas e nenos de 5º e de 6º montaron "Os esqueletes" con instrumentos de placas.

Deixamos aquí unha mostra.


5/11/22

Outono e Magosto

Estamos no outono, tempo de castañas!

O magosto é unha das festas populares e tradicionais da nosa Terra. Este festexo ten unhas orixes milenarias.


Nós celebrámolo o venres, coa chegada da castañeira e do castañeiro e o tren de castañas.







 



E comémolas en comunidade.
Que ben nos prestaron!





3/11/22

De medo I

En Infantil preparámonos para celebrar a chegada do Samaín, a entrada na estación escura. Atoparás contos de medo, seres terroríficos, cabazas, cancións...

Mete medo...agardámoste!



17/9/22

Benvida curso 2022/23

Saúdos e benvida desde o Equipo de dinamización da Lingua Galega! 
Este curso seguiremos realizando moitas actividades conxuntas co equipo da biblioteca escolar nas que poderemos participar todas e todos con moreas de aportacións. Tamén continuaremos colaborando con outras dinamizacións.
Recordade que tedes as portas abertas. Seguídenos!

Deixamos aquí esta canción como preámbulo do que vai vir.
 

22/6/22

Fin de curso 2021/22. Lume de San Xoán

Rematamos o curso e chega o verán e co solsticio a noite máis curta e intensa, a noite de San Xoán. Esta festa está cargada de rituais cun denominador común: natureza, auga e lume. Aproveitade para dar un paseo e recoller as sete herbas necesarias para pasalas polas sete fontes e deixalas ao orballo da noite meiga. 
Tamén é unha maneira entretida de facer camiño!

  Boas vacacións a todas e todos!

21/6/22

Escornabot Peregrino




O alumnado de 6º de Primaria traballou colaborativamente na creación dun xogo de oca, "O Escornabot peregrino", que incluía preguntas con diferentes temáticas (Lingua, Historia, Matemáticas, vida saudable....) referidas ao Camiño de Santiago ao seu paso pola provincia.

O proceso seguido polo noso alumnado foi o seguinte:

  • Busca de información sobre o Camiño Primitivo para a elaboración de preguntas.
  • Busca de información sobre as regras do xogo da Oca e adaptación ao xogo que eles ían crear.
  • Realización de debuxos para incluír no taboleiro (escornabot peregrino, albergue, hospital, chegada a Santiago...).
  • Realización do taboleiro adaptado ao escornabot para o que tiveron que medir, dividir o taboleiro en cadriños de 10 cm x 10 cm, distribuír as casiñas....
  • Realización de cartas con preguntas sobre o Camiño de Santiago.
  • Iniciación na creación e uso do escornabot.
  • Tamén se realizaron os dados cunha impresora 3D.

O alumnado de sexto repartiuse en pequenos grupos para a realización das diferentes tarefas, atendendo as súas habilidades e preferencias e chegando a acordos para obter o resultado final.

Foi unha actividade moi motivadora para o alumnado xa que un dos obxectivos finais era compartir o xogo co resto do centro educativo, deixando así a súa pegada do seu paso polo centro.



 





17/6/22

CAMIÑO PRIMITIVO. Todos os camiños levan a Compostela

Folleto informativo bilingüe

 

O alumnado de 4º de Primaria realizou este folleto galego-inglés sobre o Camiño Primitivo de Santiago en Galiza.

Inclúe ilustracións e mapas dos puntos máis salientables de cada unha das 8 etapas, recomendacións de lugares para visitar, cousas que facer e consellos útiles para as peregrinas e peregrinos antes de iniciarse no camiño.

O EDLG colaborou con Sección Bilingües na súa elaboración

Un gran traballo! 

 




11/6/22

Lugo no camiño. Camiño Primitivo

 


Todo o alumnado do centro participou na andaina por un tramo urbano da 5ª etapa  Lugo-San Román da Retorta do Camiño Primitivo. 
As e os máis pequenos, E.Infantil, primeiros e segundos de E. Primaria baixaron en autobús ata a zona verde á beira do río Miño, facenso uso do Pazo de Feiras e Congresos.
De 3º a 6º completaron a pé o traxecto que atravesa a cidade, concretamente desde Porta Miñá ata o río Miño. Recibiron o seu correspondente "Lazarillo", unha acreditación que se  entrega a aquelas peregrinas e peregrinos que fagan unha parada na capela de San Lázaro.
Agradecemos á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo a súa colaboración.

22/5/22

Letras Galegas 2022. Macrofoliada

En clave inclusiva, derrubando barreiras, sen fronteiras, desde a tradición e a literatura desenvolvéronse os actos de celebración das Letras Galegas 2022 no colexio.

Cantigas como "Pan de millo" de Migallas, "Este olliño pimpilín" nas voces do alumnado de 3 anos e 4 anos A, outra dos Maios con percusión de paus interpretada polos nenos e nenas de 4 anos B. "O cuco", poesía musicada de Manuel María, cantárona as nenas e nenos de 5 anos.

Recitados individuais, en pequeno e gran grupo desde 1º ata 5º de Primaria da obra de Rosalía de Castro, de Manuel María e, por suposto, do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán foron todo un pracer para os nosos sentidos.

En homenaxe ás tres pandeireteiras que demostraron que non hai fronteiras para a lingua galega todo o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria interpretou Terra de Tanxugueiras con pictogramas e cunha coreografía baseada no baile tradicional. 4º, 5º e 6º de Primaria fíxoa con lingua de signos e baile

O alumnado de 6º preparou para a ocasión unha emotiva presentación. Lúa e Iván de 6ºA e Iria e Brais de 6ºB conduciron a celebración maxistralmente. Nela mostráronnos un percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado, rememoraron as súas propias vivencias no cole, faláronnos de palabras do ano, de inclusión...de morriña, de ilusión, de pasado e de futuro.

Todo acompañado de música tradicional, rematando os actos co noso himno.

O entusiasmo, interese e entrega foi xeneralizado. Unha celebración cargada de emotividade e de galego!

 


 

 



20/5/22

Recanto das Letras

Esta actividade tivo como obxectivo o fomento da escrita en lingua galega e a relación entre niveis e/ou etapas mediante o intercambio dos textos producidos.

Como punto de partida, de motivación ou animación á escrita resumíronse as 59 biografías das autoras e autores homenaxeados polo Día das Letras Galegas. Estas biografías puxéronse a disposición das titorías dentro dunha caixa do correo feita para tal fin. A outra, de maior tamaño, albergou os textos que cada nivel foi escribindo, textos variados que compartiron con outros niveis. Una actividade moi motivadora e enriquecedora.


11/5/22

TRADICIÓNS: Os Maios

Celebración de orixe ancestral na que honramos á natureza mesma e á fertilidade da terra. 

Os Maios véñense celebrando en toda Europa e en distintos lugares do mundo ao longo da historia. En Galicia hai distintos tipos de celebracion da festa dos Maios, pensamos que a máis antiga é a dos Maios vivos ou Maio mozo que se conserva en varios lugares da provincia de Lugo. As mozas e os mozos engalánanse coma árbores viventes.

No colexio celebramos a primavera co Maio construído polas nenas e nenos de E.Infantil. 

Despois da recolleita, coas súas familias, de xestas, uces, carrascos, piñas, calas, margaridas, pampillos, rosas, camelias, flores de bieiteiro, froitas...e outros adornos foron dándolle forma e cor. Moi lucido e fermoso!

Para acompañalo as nenas e nenos de 3 anos cantaron a cantiga "Pan de millo" de Migallas, os de 4 anos A "Este olliño pimpilín" e outra dos Maios con percusión de paus en 4 anos B e "O cuco", poesía musicada de Manuel María, fixérona as e os de 5 anos. Experimentamos e gozamos moito!


"AÍ VÉN O MAIO DE FLORES CUBERTO..."

(Manuel Curros Enríquez)