Datos persoais

Mi foto
Animamos a dar o paso para converter a lingua galega na nosa fala diaria e en todos os ámbitos da nosa vida.

16/12/21

Palabra do Ano 2021, as Voces de 6ºB

Portal das Palabras vén de publicar as cinco palabras finalistas que optan a se converter na Palabra do Ano 2021, campaña posta en marcha no 2014 consistente en elixir de forma colectiva, coas nosas suxestións, o termo que mellor pode resumir o acontecido durante o ano.

O alumnado de 6ºB sumouse facendo a súas propostas, 23 voces que para elas e eles resumen o vivido durante o 2021: palabras relacionadas coa pandemia da Covid-19 e con necesidades humanas derivadas dela e palabras sobre o volcán de La Palma.

Podes deixar o teu voto en comentarios! 

 


aperta

amizade

liberdade

incertidume

agarimo

bicos

verbena

aprender

esperanza

restrición (2)

arroutada

repugnantiño

especial

rosmar

vacina (2)

variante

aforo

volcán

estromboliano

coada

 lava



3/12/21

3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

O centro uniuse á iniciativa "Baixo o mesmo paraugas" facendo unha foto cun paraugas, ademais doutras actividades, e así reivindicar unha sociedade máis xunta e igualitaria para todas as persoas. Xuntas e xuntos quitamos barreiras!

#OMenéndezBaixoOMesmoParaugas


1/12/21

PROXECTO "Ao Son da Nosa Música"

Compartimos os resultados da enquisa na que participou o noso alumnado de 5° e 6° dentro do proxecto socio-educativo "Ao Son da Nosa Música"

 
 O GALEGO, PRACTICAMENTE DESAPARECIDO NA MÚSICA QUE SE ESCOITA NA ADOLESCENCIA
 Unha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares da Galiza revela a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais. Un 80% confesa que nunca -ou case nunca- escoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego.
Datos completos na web de Ao Son das Enquisas.

25/11/21

25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 Camiñando xuntas e xuntos!

Centos de pegadas cheas de mensaxes percorren os corredores do colexio para amosar o noso firme rexeitamento ás violencias contra as mulleres.Complementamos a celebración con varias pezas musicais de artistas e grupos como: Sés, Cuarta Xusta, Guadi Galego, A banda da Loba, Rozalén, El Diluvi, Nina Simone...


17/11/21

TRADICIÓNS: Magosto II

 Todo isto e moito máis!

 

TRADICIÓNS: Magosto I

No mes de novembro, que se inicia co Día de Defuntos, celebramos o Magosto. Esta festividade ten orixe celta, marca o final do verán. Os días reven e o tempo das colleitas remata. O día 11 de novembro, día de San Martiño, é o día grande. 

Para nós o día grande foi hoxe coa chegada de Alfonso, o castañeiro da Praza Maior, e o seu tren de castañas. Preparámonos cos nosos cornetes e a gozalas. Estaban deliciosas!

 





8/11/21

12 de novembro, Día Mundial da Loita contra a obesidade infantil


 

Mes da Ciencia en Galego 2021

 

  Desde que, no ano 2001, a UNESCO declarou o 10 de Santos como Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento, novembro pasou a ser para todos nós o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo desta conmemoración é o de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica.

 

 

O alumnado de 6º de Primaria apuntouse ás videoconferencias postas a disposición por Igaciencia, Institución Galega da Ciencia, a través da súa canle:

  • Poden pensar as máquinas? co director do CITIUS, Senén Barro Ameneiro

  • A pandemia: o que nos arrebatou e o que nos deixou con Sonia Villapol Salgado

31/10/21

TRADICIÓNS: Festa dos Defuntos, Samaín

Nestes días levamos a cabo toda unha serie de tradicións e ritos colectivos e individuais  para despedir as colleitas e manter no recordo ás persoas que xa non están.

Mira que din: calacú



7/10/21

PROXECTO " Ao son da Nosa Música"

 
O alumnado de 5º e 6º colabora na realización dunha enquisa que vai formar parte do proxecto "Ao son da Nosa Música", un traballo colaborativo para tecer pontes de encontro entre o mundo da creación musical en galego e os centros educativos. 
Trátase con ela de coñecer cal é a relación que o alumnado ten coa creación musical en galego.

4/10/21

Lugo no noso camiño

Este curso imos abrir camiño para coñecer mellor o noso. Nese camiño imos atopar historia, tradición, arte, literatura, ciencia, natureza... 

6/9/21

Benvida curso 21/22

Comeza un novo curso. Contamos con vós, contade con nós.  A sementar! 

"Todo o que queiras podes lograr"

21/6/21

FIN DE CURSO 2020/21. Adondar a lingua

Queremos despedir o curso con este fermosísimo videopoema de Celia Parra e co videoclip de A banda da Loba inspirado nel. 

 "Contamos con todos os ingredientes, con toda a sabedoría precisa para coidar desta masa nai que nos foi entregada. Para alimentarnos, para vivir, para sentir: adondemos a lingua."

 Boas vacacións a todas e todos!

18/6/21

Encontro virtual con Xesús M. Piñeiro


O alumnado de 6º de Primaria realizou un obradoiro de prensa no que Nós Diario foi o protagonista.
Hoxe tiveron unha xornada virtual con Xesús Piñeiro, xornalista e subdirector deste periódico.

Xesús explicou como é o día a día na redacción do xornal, quen traballa nela, que fan, como chegar a unha noticia, como funciona o "trello"...

Ao mesmo tempo que visitaron virtualmente a redacción falaron con outras persoas do equipo de Nós Diario (edición, maquetación, redacción). O encontro rematou cunha quenda de preguntas que aclararon as nosas dúbidas.

Grazas Nós Diario! Lémonos!




"A cabeza dunha/dun xornalista traballa as 24 horas do día!" 

13/6/21

AS LETRAS DAS CAMISETAS

Estamos a darnos conta de que ao noso redor hai moitas letras e palabras que din cousas.

Ata na nosa roupa !!! 

Pasámolo moi ben "lendo" as camisetas dos nosos compañeiros e compañeiras.



31/5/21

Encontro virtual con Ledicia Costas


 As nenas e nenos de 2º, 5º e 6º tivemos o pracer de falar con Ledicia Costas. A autora  de "Conexión Macarrón" e de "A señorita Bubble" contounos cousas moi interesantes dela e das súas obras.



A Ledicia sempre lle gustou moito ler, comezou a escribir con 8 anos. Publicáronlle o seu primeiro libro con 16 anos, libro co que participou nun certame literario que non gañou. As súas influencias son libros como o de "Pippi Calzaslargas". Gústanlle moito as historias de misterio.

Cústalle inventar os títulos para os seus libros, "Conexión Macarrón" ocorréuselle porque lle gustan moito os macarróns. A idea de "A señorita Bubble" apareceulle para contribuír a facer visible o papel das mulleres na Ciencia.

 Á pregunta se tiña pensado facer unha segunda parte de "Conexión Macarrón" contestou que non o pensara, pero que lle parecía unha boa idea. Tamén lle gustaría facer unha película dos seus libros porque así faríase famosa!

 Moitas grazas, Ledicia! Ata outra.



19/5/21

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021

 O pasado venres, as alumnas e os alumnos de Educación Infantil celebramos o Día das Letras Galegas, que como xa sabedes este ano está dedicado a Xela Arias, autora do conto A fraga dos paxaros faladores e tradutora ao galego de moitos libros como As bruxas de Roald Dahl.

Esta é unha mostra das nosas actividades.


14/5/21

"A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia" en 3ºB

 

"A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia" é o título do conto co que Xela gañou o concurso de Contos Infantís O Facho. Tiña 11 anos daquela, uns poucos menos ca nós! Con este traballo queremos lembrar o poder da imaxinación e comezar o noso camiño literario.

A nós tamén nos gusta moito escribir, utilizar a creatividade para aprender e construír un mundo de saberes máxico e á vez útil.

Gustounos moito o teu conto, Xela! A túa capacidade creativa pareceunos fascinante.







4/5/21

Hai correo!

O alumnado de 3º, 4º e 5º de E.Primaria está a participar nun intercambio de comunicacións escritas a través de correo ordinario e/ou electrónico con alumnado dos CEIP Recimil de Ferrol, CPI do Feal de Narón e CEIP Vila de Rutis de Culleredo. Enviáronse e recibíronse as primeiras cartas con moita ilusión!



 



27/4/21

Libros ao ar!


Lecturas, libros, interpretacións, composicións, textos, palabras...deixáronse ir nas voces das nenas e dos nenos para celebrar o Día do Libro.




14/4/21

Encontro virtual con Sonia Villapol



O alumnado de 5º de Primaria participou da interesante charla ofrecida pola profesora e científica lucense Sonia Villapol desde o Instituto de Investigación Houston Methodist.

Sonia falounos da estrutura do virus e de como entra nas células, persistencia e efectos a longo prazo, modos de transmisión, tipos de probas, das vacinas, das máscaras, que evitar e que facer...e tamén da vacina das nenas e nenos. Foi unha charla moi didáctica e amena onde puidemos participar coas nosas preguntas.

Moitísimas grazas!




As túas palabras tamén son as nosas!

26/3/21

Día Mundial da Auga: A gotiña viaxeira de Toño Núñez

O alumnado de 1º descubriu o ciclo da auga da man de Plis e Plas e, de paso a importancia do coidado dos nosos ríos e mares. As nenas e nenos gustaron moito do libro, dando pé a estes marabillosos traballos