Datos persoais

Mi foto
Animamos a dar o paso para converter a lingua galega na nosa fala diaria e en todos os ámbitos da nosa vida.

22/5/22

Letras Galegas 2022. Macrofoliada

En clave inclusiva, derrubando barreiras, sen fronteiras, desde a tradición e a literatura desenvolvéronse os actos de celebración das Letras Galegas 2022 no colexio.

Cantigas como "Pan de millo" de Migallas, "Este olliño pimpilín" nas voces do alumnado de 3 anos e 4 anos A, outra dos Maios con percusión de paus interpretada polos nenos e nenas de 4 anos B. "O cuco", poesía musicada de Manuel María, cantárona as nenas e nenos de 5 anos.

Recitados individuais, en pequeno e gran grupo desde 1º ata 5º de Primaria da obra de Rosalía de Castro, de Manuel María e, por suposto, do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán foron todo un pracer para os nosos sentidos.

En homenaxe ás tres pandeireteiras que demostraron que non hai fronteiras para a lingua galega todo o alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria interpretou Terra de Tanxugueiras con pictogramas e cunha coreografía baseada no baile tradicional. 4º, 5º e 6º de Primaria fíxoa con lingua de signos e baile

O alumnado de 6º preparou para a ocasión unha emotiva presentación. Lúa e Iván de 6ºA e Iria e Brais de 6ºB conduciron a celebración maxistralmente. Nela mostráronnos un percorrido pola vida e obra de Florencio Delgado, rememoraron as súas propias vivencias no cole, faláronnos de palabras do ano, de inclusión...de morriña, de ilusión, de pasado e de futuro.

Todo acompañado de música tradicional, rematando os actos co noso himno.

O entusiasmo, interese e entrega foi xeneralizado. Unha celebración cargada de emotividade e de galego!

 


 

 



20/5/22

Recanto das Letras

Esta actividade tivo como obxectivo o fomento da escrita en lingua galega e a relación entre niveis e/ou etapas mediante o intercambio dos textos producidos.

Como punto de partida, de motivación ou animación á escrita resumíronse as 59 biografías das autoras e autores homenaxeados polo Día das Letras Galegas. Estas biografías puxéronse a disposición das titorías dentro dunha caixa do correo feita para tal fin. A outra, de maior tamaño, albergou os textos que cada nivel foi escribindo, textos variados que compartiron con outros niveis. Una actividade moi motivadora e enriquecedora.


11/5/22

TRADICIÓNS: Os Maios

Celebración de orixe ancestral na que honramos á natureza mesma e á fertilidade da terra. 

Os Maios véñense celebrando en toda Europa e en distintos lugares do mundo ao longo da historia. En Galicia hai distintos tipos de celebracion da festa dos Maios, pensamos que a máis antiga é a dos Maios vivos ou Maio mozo que se conserva en varios lugares da provincia de Lugo. As mozas e os mozos engalánanse coma árbores viventes.

No colexio celebramos a primavera co Maio construído polas nenas e nenos de E.Infantil. 

Despois da recolleita, coas súas familias, de xestas, uces, carrascos, piñas, calas, margaridas, pampillos, rosas, camelias, flores de bieiteiro, froitas...e outros adornos foron dándolle forma e cor. Moi lucido e fermoso!

Para acompañalo as nenas e nenos de 3 anos cantaron a cantiga "Pan de millo" de Migallas, os de 4 anos A "Este olliño pimpilín" e outra dos Maios con percusión de paus en 4 anos B e "O cuco", poesía musicada de Manuel María, fixérona as e os de 5 anos. Experimentamos e gozamos moito!


"AÍ VÉN O MAIO DE FLORES CUBERTO..."

(Manuel Curros Enríquez) 

 




4/5/22

Letras Galegas 2022

 Quebracabezas

preview35pieceIMG-20220429-WA0003 preview6pieceIMG-20220429-WA0003 preview12pieceIMG-20220429-WA0003 preview20pieceIMG-20220429-WA0003 preview48pieceIMG-20220429-WA0003 preview70pieceIMG-20220429-WA0003


XXI Rebumbio Matemático 2022

Estamos de parabéns!

A Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) convocou por 21ª vez esta actividade coa finalidade de contribuír á mellora da educación en xeral, e do proceso de ensinanza - aprendizaxe das matemáticas en particular.

Trátase dunha actividade que tenta fomentar o espírito cooperativo e de traballo en grupo. De aí a súa estrutura e o seu desenvolvemento. As actividades matemáticas a desenvolver son variadas, alternándose as de tipo manipulativo coas de dedución e razoamento, de xeito que motiven aos participantes.´

O colexio participou con dous equipos, un por cada clase de 6º. Despois dun período de traballo nas aulas acudiuse á convocatoria no Círculo das Artes. No día de onte recibimos a boa nova, un dos nosos equipos foi seleccionado para a fase final que será o 27 de maio na Facultade de Ciencias da Educación en A Coruña. 

En hora boa para Os Problemáticos de 6ºB!

https://www.agapema.org/images/Rebumbio/Rebumbio_2022_Listaxe_Final.pdf